Cinema Crianza é un festival internacional de cine infantil e familiar que se celebra en Ames, o concello con maior porcentaxe de poboación infantil de Galicia.

 

Cinema Crianza nace co afán de promover o gusto polo cinema entre os máis cativos, así como axudar a formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.

 

Cremos  que un festival de cine coma este debe servir como elemento transmisor da diversidade do cinema infantil axudando a fomentar a curiosidade das nosas nenas e nenos. Entendemos que hoxe en día resulta imprescindible, no proceso de alfabetización audiovisual das nosas cativas e cativos, poder acceder a obras o máis diversas posibles para que o seu grao de coñecemento desta arte non quede reducido ós produtos de consumo nunha idade tan sensible como é a infancia.